venres, 4 de febreiro de 2011

Cara a onde vai o Celtiña

Este ano os afeccionados ao Celta estamos de parabén. Pasaron uns anos de sufrimento pero parece que o equipo empeza a cumprir obxectivos.

 Con Eusebio deuse un paso importante como foi o coidado da canteira. El empezou a subir ao primeiro equipo a futbolistas do filial. Se embargo, os resultados non acompañaron o traballo realizado.

 Esta tempada con Paco Herrera no banco o equipo deu un salto cualitativo. Mantendo aos novos futbolistas no primeiro equipo e apontoándoo con futbolistas experimentados como Quique de Lucas, David Rodríguez (de novo de volta a Balaídos) e mesmo as achegas de Joan Tomás conseguiu un grupo que realiza un fútbol brillante.

Non se pode esquecer o traballo infatigable e sen prezo de Bustos que está a realizar unha tempada espléndida, así como a regularidade que mostran López Garay e Catalá. Pero quizais o gran acerto que hai que achacarlle a Paco Herrera (ademais de manter aos dous mellores laterais da división) foi a incorporación ao centro da defensa de J. Vila. Quen ía pensar neste xogador como parella de Catalá?.

Outro aspecto moi interesante deste Celta é o traballo de grupo. Vese un equipo unido que traballa durante todo o partido independentemente do resultado e que, como o día do Barcelona B, sabe que ten que ir a por todas para alcanzar algunha das dúas prazas que dan o ascenso directo.

A loita co Betis e o Raio vai ser moi dura, pero o Celta superaraos. Co traballo de grupo e arroupando a ese "pequeno xenio" que é Roberto Trashorras cuxos pases, en numerosas ocasións, non teñen nada que envexar aos de Xavi ou Iniesta, conseguirase ese ascenso.

Por suposto que non se pode un esquecer do resto da plantilla (Dani Abalo, Michu, Ortega, Iago Aspas, Papadopoulos, Túñez que fixo unha tempada pasada espléndida, os dous Víctor, Yoel,...). Algún deles foron decisivos en varios partidos, o que indica que non é un equipo de 11 senón unha plantilla moi homoxénea.

Gustoume moito a confianza que depositou en tódolos futbolistas Paco Herrera ao non realizar ningunha fichaxe este inverno. A experiencia demostra que salvo moi raras excepcións (Mido) estas fichaxes non dan bos resultados.

Este é o ano do ascenso. E como se escoita en Balaídos, a través de megafonía, HAAAAAAAAAAALAAAA CELTAAAAAAAAAAAAAAAAA

Vémonos en primeira na tempada 2011/2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario