Esta semana tivemos que ler nos medios de comunicación unha noticia que, polo menos deixoume sorprendido. O noso Presidente, Alberto Núñez Feijóo, declara que non ten case competencias para loitar contra o paro.
Entón fágome unha pregunta, que leis estatais modificáronse desde 2008 para entrar nesta situación?. O 15 de novembro dese ano Feijóo criticaba a Touriño afirmando que “Galicia ten os instrumentos para frear a crise que non están a ser empregados con eficacia”. Ou ben, xa elixido presidente, cando prometeu a creación de 43.500 empregos.
Pero non só iso senón que, nos meses anteriores ás eleccións autonómicas do 2009, o goberno bipartito era o responsable de todos os males que afectaban a Galicia. Agora, nestes momentos, o responsable é o Presidente do Goberno de España que, ante a situación de crise na que se haxa inmerso o mundo globalizado, centra todos os seus esforzos en acabar con Galicia cada venres na reunión do Consello de Ministros. Estarei a vivir na Galia e os romanos de Madrid quererán conquistarnos?.
Levo unha tempada facendo unha serie de preguntas. Que pasou con aquela situación tan grave para Galicia que era o Audi de Touriño?. Que pasou con aquela disposición de Feijóo para renovar o comportamento dos políticos do seu partido (tránsfugas, urbanismo irregular, oposicións, etc). Que pasou co concurso eólico (cuestionado por empresas que se presentaron á adxudicación e pola patronal eólica galega?.
A resposta está na propia frase do Presidente “non se empregan os instrumentos con eficacia”. É certo que a crise que estamos a pasar desbordou a todo o mundo (mesmo segundo as últimas novas ao propio FMI) pero o que necesitamos os cidadáns son gobernos fortes, que teñan iniciativas e que non se refuxien no victimismo.
Xa o dicía o Dr. Laurence J. Peter, o ser humano tende a escalar en busca dos seus máis altos niveis de incompetencia e ineptitude. O problema agrávase cando esta escala remata nun nivel que afecta a toda a sociedade.
E neste punto os cidadáns temos un papel moi importante. A sociedade debe ser máis crítica e de maior exixencia cos nosos políticos. Pero non soamente debemos ser críticos co opoñente senón que tamén o debemos ser cos que sentimos máis próximos. Neste punto, hai unha gran diferenza entre o pensamento progresista e o conservador. Nestes momentos a esquerda está a darlle as costas a Rodríguez Zapatero por apartarse das políticas que lle levaron a gañar as eleccións. Pero non ocorre igual ao lado conservador no que o seguidismo se fixo forte e isto non beneficia aos intereses do país.
Volvendo á frase de Feijóo, o goberno bipartito perdeu as eleccións pola súa falta de eficacia e non cumprir as expectativas que gran parte do país puxera nel. Pero boto de menos esa mesma crítica aos actuais gobernantes. Este país non debe caer no victimismo. Ten moita enerxía e músculo. Demostrouno a través dos tempos e debemos apostar pola innovación en lugar da subvención. Esquecernos das conxuras de que todo o mundo está contra nós e actuar como o fan outras Comunidades Autónomas para conseguir o que merecemos. Sr. Presidente vaia a Madrid, a Bruxelas, onde faga falta cun proxecto claro e ben definido do que Galicia se merece e non se encerre en se mesmo.
Que grandes son os nosos líderes políticos cando están na oposición, incluíndo as excepcións que confirman a regra.
Estou totalmente de acordo cos teus pensamentos. Ainda que con magoa penso que "son os mesmos cas con distintos colares"...
ResponderEliminar