domingo, 24 de abril de 2011

Reflexión e reacción

Un ano máis estamos a finalizar a Semana Santa, semana de paixón e reflexión. Posto que o tempo non acompañou para poder realizar algunha excursión e visitar as nosas marabillosas paisaxes galegas, dediquei estes días a ler e escoitar, un pouco, a radio. A conclusión á que cheguei é que este ano “a semana de paixón” durará até o 22 de maio, día no que se celebrarán as eleccións municipais e autonómicas. Unha vez máis, verémonos inmersos nunha loita de bos contra malos sen importar para nada o interese xeral e o estado de crise no que aínda estamos metidos.
Estes días á vista do lido e o ouvido tamén tiven a miña semana de paixón (e sufrimento despois do visto onte no Celta - Ponferradina) e non estou seguro de que a nosa clase política, nestes días tan marcados desde o punto de vista relixioso, reflexionase sobre as actitudes que están a tomar. Quero deixar claro que cando se xeneraliza está a cometerse moitos erros pero simplemente trato de pór encima da mesa un estado de país “quieto”.
A Constitución Española explicita o dereito ao traballo, pero a política débese entender como un servizo público e non unha profesión. Por tanto, calquera mala utilización do devandito servizo público debería levar á dimisión inmediata do posto ocupado.
Indígname cando leo as diferenzas entre imputados, imputados con cargos, con condena recorrida, etc. Indígname que o terrorismo se utilice como arma electoral. Indígname ver a eses personaxes que se autoproclaman representantes dos cidadáns lanzando insidias, verdades a medias, discursos a medida, etc; independentemente do que realmente pensan ou do que dicían uns anos atrás e todo iso sen o menor indicio de vergoña. Indígname que persoas como Camps, Fabra e outros,  non só sexan candidatos senón que mesmo poidan gañar as eleccións con maioría absoluta.
Entón pregúntome, quen é o culpable da devandita situación?. Por suposto que a estrutura política do noso país ten gran parte desta culpa. O bipartidismo e o chamado “voto útil” está a facer moito dano á nosa democracia. Necesítase unha ruptura na dereita para que un único partido non abarque pensamentos de extrema dereita e de centro. En Galiza necesítase outro partido nacionalista, do mesmo xeito que en Cataluña e Euskadi, que represente “un espírito galeguista” que non debe estar representado por un único partido. Necesítase un cambio de lei electoral. Listas abertas para que o cidadán poida elixir os representantes de cada partido. Non é lóxico que nunhas listas pechadas nas que se votan unhas siglas, non unhas persoas (excepto nas candidaturas do Senado), o escano sexa persoal. Non ten sentido. E que o partido baixo cuxas siglas sae elixido o candidato non poida substituír a aquelas persoas que utilizaron a súa posición para actividades que, aínda que nalgúns casos poida que non sexan ilegais, non son éticas nin responden a un servizo público.
Con todo, hai outro aspecto moi importante que nos leva a esta situación. É a falta de reflexión e crítica da cidadanía. Non entendo como nos faladoiros con amigos se explicite exactamente as frases que lanzan as direccións dos partidos sen entender, en moitos casos, o que se está a dicir. Pero non temos personalidade e pensamentos propios?. É certo que neste caso, as persoas de esquerdas son moito máis críticas cos seus. De feito una das bazas do PP é a abstención de moitas persoas que no seu día votaron ao PSOE.  Pero menos entendo que nos faladoiros con representantes políticos, estes fagan o  mesmo. A política neste país é: lanzo unha mensaxe (aínda que non sexa certa), repítoo moitas veces e xa se considera unha verdade absoluta.
Nestes últimos tempos está a mobilizarse a mocidade a través dunha plataforma denominada “Juventud sin futuro”. Quizais chegue cun pouco de atraso. En Portugal a "generaçao à rasca" (xeración en apertos) conseguiu mobilizar a 300.000 persoas. Estes movementos inspirados no libro “Indignados” de Stéphane Hessel, tentan concienciar á sociedade de que é o que está a ocorrer e cara a onde debe ir o futuro. Pero ademais da indignación é necesario a reacción, tal como indícase noutro libro “Reacciona” coordinado por Rosa María Artal.
Esta filosofía debería ser a que movese os alicerces de toda a sociedade, non só os mozos. Iso é o que se nos debe exixir como cidadáns: Reflexión e Reacción.

1 comentario: