Estámonos achegando ao 20-N e estamos inmersos nunha campaña centrada en quen nos vai a gobernar nos seguintes catro anos. Anos difíciles nos que a crise que estamos padecendo vai ser o protagonista estelar.
Parece que xa hai un gañador. Ata "case nos poderiamos aforrar o custo das eleccións" pois se escribe e comenta que xa está todo decidido. Cales son as propostas para estes catro anos dos dous partidos maioritarios?.
O candidato Alfredo Pérez Rubalcaba leva uns meses debullando unhas medidas que, podendo estar de acordo ou non con elas, polo menos parecen defender o sector público, intentan manter, no posible, as prestacións sociais que se foron gañando nos últimos tempos e marcan un claro pensamento de como abordar estes tempos. Dá un xiro á actual política socialista e sitúase onde nunca debeu saír.
O candidato Mariano Rajoy Brey aínda non debullou o seu programa e de momento, promete seriedade, concordia e un plan económico. O que nos gustaría saber é que consisten ditas promesas para poder votar con coñecemento de causa. De momento só podemos imaxinar a súa liña de traballo no comportamento de todas as Comunidades Autónomas que conseguiron nas últimas eleccións. Comunidades Autónomas que, segundo sinalan distintos indicadores, son a "chave" para a saída desta crise.
E como están traballando para conseguir este obxectivo?. En xeral cunhas restricións fortes que afectan aos alicerces dunha sociedade: educación e sanidade. Unha liña de privatización de ambolos dous sectores. Sectores que deben deseñar as bases da fortaleza económica produtiva e cultural do país (no plano educativo, incluída a tan utilizada I+D+i que logo das eleccións sempre desaparece) e da fortaleza social (no plano da sanidade e prestacións sociais). Parece que os funcionarios temos a culpa de todo e a solución atópase en non cobrar pagas extras ou nun ERE disfrazado. Pero que se ofrece para recuperar o emprego?. Un emprego digno e con futuro porque do resto xa coñecemos as consecuencias.
No caso de Galicia, xa fai tempo o Presidente Feijoo ante unha pregunta sobre a subida do paro comentou que non tiña medios para combatelo. No caso da fusión de ambas caixas galegas en Novacaixagalicia Banco (por que non se chama ao revés, Banco Novacaixagalicia?), todo o que acaba de saír en prensa das prexubilacións e demais é culpa do Banco de España. Os representantes do goberno nas diferentes comisións non se decataron de nada, pero non houbo ningunha dimisión (de momento). Ante a onda de incendios que se están producindo estes días, intervén a Unidade Militar de Urxencias continuamente cos seus medios, mentres que os da Xunta están estacionados porque gran parte do persoal xa ten rescindido os seus contratos ou está de vacacións. Do concurso eólico todo parado. Entón a pregunta é, que medidas tomou este goberno, desde que tomou posesión, en liña co combate da crise?.
Pero somos nós os cidadáns os que temos nas nosas mans que país queremos. Esixamos aos nosos políticos que amosen as súas cartas, que debatan entre eles as súas propostas e, desa forma, exercer o noso dereito de voto con coñecemento de causa.
Reflexionemos e participemos. Estamos ante unhas eleccións que marcarán o devir do país nos próximos anos. É preferible cementar o noso futuro sen présas e sen pausas que volver equivocarnos en quen debe marcar ese futuro (mercados ou sociedade).
Estou moi de acordo con todas as túas reflexións. Pero unha cousa dígoche, aínda que o Partido Popular e todos os seus dirixentes póñanse patas para arriba, eu serei das poucas españolas que seguirei votando ao Partido Socialista.
ResponderEliminar