A pesar de non poder estar presente fisicamente, non podo deixar de pasar este gran día sen participar nesta homenaxe.
Recoñecen o mérito ao traballo a Maruja, do Café Lago, pero para min é "a miña madriña". Cando estou escribindo estas verbas penso: que vou dicir que non saiba todo o pobo de Silleda.
Recoñecen o mérito a unha muller traballadora que en todo momento quixo estar ao pé do seu negocio, do Café. Pero para min non é que quixese estar no Café, senón era estar detrás do mostrador. Porque a miña madriña estaba no "mostrador" non no "Café". Teño moitos recordos porque na miña infancia pasei moitas horas en Silleda, pero hai imaxes que non se esquecen.
Cando entraba na cociña e sobre a mesa había unha montaña de café moído e un montonciño de chicoria e con moita paciencia "a miña madriña" mesturaba e mesturaba ambas as cheas.
Máis tarde, esa mesa da cociña encheuse de patacas fritidas que se facían para poder ofrecer de aperitivo aos clientes e que eu aproveitaba para coller un puñado desde o primeiro momento que chegaba ao Café.
E que dicir desas tardes de inverno que logo de estar ao frío vendo o partido de fútbol do Silleda (onde xogaban Nito e Alfonso) tiñamos que darnos présa para axudar no Café, que se enchía de xente para tomar o chocolate con churros.
E sempre cun sorriso. Nunca che vin un mal xesto cos clientes. E sobre todo, esa amabilidade que sempre lle ofreciches a todas as persoas que entraban pola porta.
Tampouco podo deixar pasar este día para reivindicar todas as homenaxes que se ofrecen á muller traballadora. Nos últimos anos conseguíronse moitos dereitos e espero que coa desculpa desta crise que se está padecendo, non se aproveite para retornar a tempos pasados.
Un forte abrazo do teu afillado que nunca che esquecerá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario