domingo, 27 de maio de 2012

Carta ao Ministro de Educación, Cultura e Deporte José Ignacio Wert


O pasado mércores e xusto logo da convocatoria de folga en case toda España, os reitores das diferentes Universidades españolas fixeron un plante ante o ministro e non asistiron á reunión do Consello de Universidades, ao impedir o ministerio incluír na orde do día o debate sobre o decreto lei de recortes en educación.

O ministro, ante esta situación, manifesta a súa infinita sorpresa e di estar aberto ao diálogo e non á negociación. Que mo explique, porque non o entendo. De que serve abrir un diálogo sobre un tema se non se está disposto a negociar nada. Ademais, destaca que os decretos lei apróbaos o Goberno e os avalía o Parlamento.

Esta última afirmación é totalmente certa, pero nos momentos de crise que estamos atravesando e ante a obriga de modificar a estrutura dos estudos universitarios para homologala ao chamado Espazo Europeo para a Educación Superior (EEES), máis coñecido como Bolonia, creo que é necesario chegar a un consenso entre todos para que esta “revolución” no sistema universitario non nos aboque a un auténtico fracaso. Dixo o Presidente de Goberno, Mariano Rajoy, na sesión de investidura La mayoría es un instrumento excelente para ejecutar las decisiones, pero no es forzosamente el mejor para diseñarlas. Incluso una mayoría tan generosa como la que se nos ha otorgado, se queda muy corta en una tarea que exige el compromiso de toda la Nación y en la que cada español ha de sentirse involucrado. Porque han de ser los españoles, y no el Gobierno, los motores del cambio, los protagonistas de la reforma, los agentes de la recuperación".

Sr. Wert diferencie entre goberno e gobernanza. Gobernanza é a forma de interacción das administracións públicas co mercado e as organizacións privadas ou da denominada sociedade civil , que non obedecen a unha subordinación xerárquica, senón a unha integración no que se denominou redes de interacción público-privado-civil ao longo do eixo local/global. Nos últimos anos os gobernos nacionais pasaron, de ser a referencia central da organización política, a ser unha dos seus compoñentes. Por iso, cando o ministro pregúntase se os reitores están á altura da situación actual debería incluírse el mesmo. Principalmente hai unha gran diferenza, os reitores son elixidos democraticamente nas súas comunidades universitarias por sufraxio universal mentres que un ministro é nomeado polo Presidente de Goberno. Que problema hai con consultar coa comunidade educativa os recortes en educación?. 

Non me cabe dúbida de que o Sr. Wert é unha persoa brillante e enxeñosa (oíno moitas veces no programa de Carles Francino, na SER), pero moitas veces ese enxeño tradúcese en soberbia e provocación. E nestes momentos o que menos necesita este país é un ministro provocador que, a conciencia ou non, mente en diversas intervencións. Estannos intentando convencer que os recortes que realiza o goberno de Mariano Rajoy fanse porque non hai máis remedio, non hai outra saída. Pois menten, se hai outra saída e se hai outras formas de atallar a crise. O que ocorre é que baixo o paraugas da crise hai unha ideoloxía clara. Xa o intentou o Sr. Aznar coa súa reforma laboral que non puido levar a cabo posto que non tiña o paraugas da crise. Xa non lle poden botar máis a culpa a Zapatero, xa non máis. Acusábanlle de improvisación, e agora?. El defendíase co problema global, de toda Europa, e agora?. 

Nos recortes que se aplican á universidade hai medidas que non se van a poder aplicar e ata quen redactou o decreto non ten moi claro os conceptos dos novos créditos ECTS. O que lle faltaba ás Universidades é que nestes momentos de cambio queden inmersas nun proceso de incerteza que provoque un incremento de ineficiencia. É este o momento de subir as taxas universitarias e diminuír as bolsas?. É este o momento dunha redución drástica dos orzamentos en I+D+i?. Se o Estado é capaz de investir 23.500 millóns de euros a fondo perdido para rescatar unha entidade financieira privada (segundo o presidente de Bankia, as axudas que vai recibir non hai que devolvelas) non é capaz de manter os dereitos sociais adquiridos logo de tantos esforzos en educación?.

Sr. José Ignacio Wert, decenas de Universidades (entre as que se atopa a miña, Universidade de Vigo) aprobaron por asentimento nos seus respectivos Consellos de Goberno (algunhas en Claustro) un comunicado en contra do real decreto lei. Estes gobernos universitarios son de diferente cor política polo que non lle pode botar a culpa a Zapatero. 

Non será conveniente reflexionar por qué vai en sentido contrario ao do resto dos condutores?. Por qué é o ministro peor valorado do goberno?.

Segundo lin na prensa parece que intenta reconstruír o diálogo cos reitores. Fágao e se é necesario modificar o real decreto, modifíquese, por qué non?. Fágase.

Siga o discurso do seu Presidente na sesión de investidura, “La España del futuro dependerá de nuestro sistema educativo. No podemos permitirnos el lujo de replantear el modelo de nuestra educación al compás de cada cambio de gobierno. Por lo tanto, buscaremos el más amplio consenso para abordar los cambios que requiere la situación actual”.

Aínda que só sexa por unha vez, fagan o que prometen. Como di o cidadán, a educación non é un gasto é un investimento.

1 comentario:

  1. Mi mas sincera enhorabuena por esta acertada reflexión sobre como está la actualidad de la educación. Mary Riádigos

    ResponderEliminar