venres, 20 de xullo de 2012

Orgulloso da cidade e bisbarra de Vigo


Onte, convocada por todos os sindicatos e organizacións sociais e culturais conxuntamente, celebrouse unha manifestación en contra dos recortes aprobados polo Goberno de España.

A pesar de que os principais convocantes eran os sindicatos, cos cales nin estou de acordo coa súa forma de actuación nin coa súa forma de xestión, sentinme moi cómodo en devandita manifestación. A ela acudiron persoas de todo tipo, xunto coas súas familias e iso levanta o orgullo e a resposta de toda a cidade e da bisbarra de Vigo. Na prensa fálase dunha participación de 150.000 persoas segundo os convocantes e 60.000 segundo a policía local. Dá igual, aínda no caso da contas da policía local, é un éxito porque a manifestación central era a de A Coruña. A foto que obtiven demostra a cantidade de xente participante.

  Todo isto é un reflexo da indignación que sofre a cidadanía. Non só polos recortes, que tamén , senón polas formas e a soberbia coa que o goberno de España está levando o asunto. Mentres que en Italia a ministra presentaba as medidas de recorte chorando, aquí en España aprobáronse con aplausos e co xa famoso “que se jodan”. En canto aos funcionarios, este goberno non está “botando encima” á sociedade insistindo en que somos uns privilexiados, cando non é certo. Pero isto sería outro tema a debater. E estaría disposto facelo con quen quixese.

No Pleno de onte, o noso querido Presidente de Goberno debía ter algún tema moi urxente que atender para non asistir ao debate e só chegar á hora da votación. Pregúntome: se tiña asuntos urxentes que atender para que vai votar se lle sobran votos?. E se non tiña que atender asuntos urxentes, como é posible que o responsable de todas as actuacións do goberno escóndase e deixe a papeleta en mans dun ministro?.

Este é o momento no que a clase política debería estar unida e dar unha imaxe de confianza no exterior a aos seus cidadáns. Nembargante, un día despois (12 de Xullo de 2012) de anunciar o Presidente de Goberno os recortes publícase esta Orde Ministerial no BOE:

 
O noso Ministro de Facenda anuncia a subida do IVE porque hai moita xente que non factura o imposto, ao mesmo tempo que está habilitada unha amnistía fiscal, dinos que non hai unha baixada das retribucións, o que hai é un “retraimiento” da paga de decembro que queda postergada á súa inclusión no fondo de pensións. Pero, que é isto?. Tómannos por bobos?.

Por isto e por moito máis, é polo que a sociedade botouse onte á rúa. O que necesita este país é unha verdadeira reforma estrutural. Apostar por unha economía produtiva. Que se fixo por atallar o problema da nosa economía?. Permitir construír de novo en zonas do litoral protexidas?. É esta a reforma estrutural que se quere acometer?. Agora xa non se fala do I+ D + i, que é o que pasou?. É mais, fálase do peche do CSIC en Vigo e Santiago.

Remato con estas preguntas para que as persoas que lean estas liñas reflexionen sobre a clase política que nos goberna? , e sobre ese “mundo descoñecido” que se chama “mercados”. É que alguén dubida que podendo prestar diñeiro ao 7% fágase ao 2%?. Por qué non se ataca desde Europa este problema?.

Se hai outra forma de actuar!!!. Non é certo que as medidas que se toman é porque non hai máis remedio. Se hai outras solucións. Fixémonos nos nosos veciños e ataquemos o problema onde hai que facelo con valentía e apoiados pola maioría da cidadanía. Estou seguro, que nestes momentos, a representación parlamentaria non reflicte as inquietudes da sociedade. Moitos sentímonos enganados.

Unha aperta para todos os cidadáns e gozar do verán, que en Setembro comeza unha nova historia a escribir no noso país.





Ningún comentario:

Publicar un comentario