Parece que o PP galego está moi
interesado en modificar a lei electoral a poucos meses dunha convocatoria de
eleccións municipais. Acabo de ler unhas declaracións do viceportavoz popular
Román Rodríguez no diario El Pais Galicia, que non teñen desperdicio.
Sinala que a elección directa dos alcaldes frearía “coalicións populistas” que crean grandes problemas na xestión municipal. Quizais considere que unha boa xestión sexa a política de goberno de Baltar. Efectivamente, o é, de política populista e segundo teño entendido pertencía ao PP. Aínda que agora parece que non.
Que se entende por elección directa de alcalde?. Que sexa alcalde a persoa que aparece en primeiro lugar, dunha lista pechada, dentro das siglas dun partido?. Vaise a elixir o alcalde de forma unipersoal?. Estou a favor dunha modificación da lei electoral, pero na procura do consenso entre todos os partidos e fora de datas pretas a convocatorias electorais
Pero quero seguir coas declaracións de Román Rodríguez. Di, que o PP está lexitimado para aprobar unilateralmente unha nova lei porque o avalan 11 millóns de votos. ¡Perigo!. Recordemos a historia. Porque sobre a base do aval de moitos votos fixéronse grandes atrocidades. Pero estas declaracións reflicten o pensamento do PP. Teño o referendo dos cidadáns e polo tanto, aproveito para cambiar as leis á miña medida, porque as enquisas dinme que xa non teño ese apoio electoral. Si tan seguro está o PP, que a cidadanía apóialle que convoque un referendo cos cambios que ten previsto e que fale o cidadán.
Pero o viceportavoz, nesas declaracións, novamente volve expresar a verdadeira razón do cambio en Galicia. Abel Caballero non sería alcalde de Vigo, xa que non foi o máis votado e chegou ao cargo tras un pacto co BNG. Aí está a verdadeira razón. Doe que certas cidades galegas estean gobernadas polo PSOE e polo BNG. Pero como o viceportavoz é unha persoa demócrata, debe darse conta que o PSOE e o BNG foron votados polos cidadáns e polo tanto están "avalados" para chegar aos consensos que consideren oportunos. Ou os votos aos diferentes partidos non avalan da mesma forma?.
O que fai falta neste país é “sentidiño”.
Tiremos de hemeroteca (ou, neste caso, videoteca): https://www.youtube.com/watch?v=W02Iv68NmeY
ResponderEliminar