Nos últimos días estivo de actualidade a posibilidade de falar no Senado nas linguas propias das comunidades. A maior crítica a esta iniciativa parlamentaria foi o "malgaste económico dos pinganillos", en época de crise, necesarios para entenderse entre os senadores.
Se ese é o problema, non hai problema. O investimento económico desta iniciativa é moito menor que outros investimentos públicos de comunidades autónomas, deputacións ou concellos. O importante é a iniciativa en sí, cuxo xerme é ideolóxico.
O Senado é unha Cámara de representación territorial e que mellor representación que as súas señorías poidan falar na lingua propia dos diversos territorios. Hai que afacerse a utilizar a lingua como ferramenta de integración e non como ferramenta de separación.
É certo que as súas señorías poderían utilizar o castelán como lingua vehicular que entenden todos. Pero o mesmo poderiamos dicir do Parlamento Europeo. Xa que estamos sumidos nunha grave crise, que sexa o inglés a lingua vehicular e que os eurodiputados teñan a obriga de coñecer dita lingua para poder asistir ao devandito Parlamento. Pensándoo ben, se cadra sería unha boa idea. Poderíase evitar algúns regaliños que fan os distintos partidos a persoas polos traballos prestados.
O poder falar na lingua propia é enriquecedor. Permite expresar a través da mesma parte da cultura da nosa terra. E todos os representantes galegos deberían estar orgullosos de poder expresarse na nosa lingua.
Un aplauso para esa iniciativa e só espero que cada vez máis, os nosos representantes utilicen o galego para fortalecelo e mostrar ese cachiño de sonoridade e expresividade que leva consigo.