domingo, 20 de febreiro de 2011

Para o meu cuñado Alberto


O venres pasado asistimos a familia a unha cerimonia, no Seminario Maior de Lugo, no que o meu cuñado Alberto recibía os ministerios de lector e acólito. Foi unha cerimonia moi emotiva na que o propio Alberto estivo rodeado da súa familia e dos seus amigos, o que non é pouco.
Con todo, nestas liñas o que quero é render unha pequena homenaxe, pois non me considero capaz de nada mellor, ao meu cuñado Alberto. Unha persoa que foi saltando os diferentes valos que lle puxo a vida cunha gran solvencia, dirixido por un gran equipo de adestradores que foi a súa familia máis directa. Como un gran corredor dos 400m valos, nos momentos máis importantes soubo sortealos e alcanzar a meta. Unha vez alcanzada esa meta propúxose outra sumamente difícil nos tempos que vivimos. Entrar no Seminario, realizar os estudos de Teoloxía e xa se verá onde acaba. Non resulta fácil para unha persoa nova dar ese paso, pois é necesario recoñecer que a Igrexa como entidade non ten unha gran apreciación hoxe en día, e máis aínda na mocidade.
Isto non é máis que un síntoma da súa personalidade. Unha persoa tenaz, intelixente, investigadora e crítica. O  venres pasado xa pasou un valo máis nesa carreira que elixiu realizar. Como lector xa pode ler as escrituras e como acólito xa pode participar no ofertorio e impartir a Comuñón.
De todo iso decateime o venres pasado e aínda que a nosa posición ideolóxica estea bastante separada sempre foi unha persoa coa cal puiden e podo debater os nosos pensamentos nun ambiente de respecto mutuo e de tolerancia. Aspectos nos que Alberto destaca fortemente. Non podo deixar de lembrar como, xustamente, ao acabar a cerimonia xa empezamos a debater sobre a palabra “acólito” que teño que recoñecer que non me gusta nada de nada.
Espero poder seguir debatendo contigo, desde posicións moitas veces antagónicas, da sociedade actual, das diversas actuacións políticas, das diversas actuacións da Igrexa; é dicir, da vida. Sinto moi orgulloso de poder levar a cabo estas charlas contigo e o que me apesara un pouco é non poder facelo máis a miúdo porque nos vemos poucas veces e pouco tempo.
Por certo, a miña curiosidade científica levoume a descubrir que o despacho do bispo se atopa na planta 4ª do Seminario. Non me importaría discutir algún tema contigo na devandita planta. A Institución gañaría un gran dirixente, sen ningún tipo de desconsideración para o actual inquilino.
Unha forte aperta “compañeiro e amigo”.

domingo, 13 de febreiro de 2011

Que lle pasa aos políticos ao chegar ao poder?

Esta semana tivemos que ler nos medios de comunicación unha noticia que, polo menos deixoume sorprendido. O noso Presidente, Alberto Núñez Feijóo, declara que non ten case competencias para loitar contra o paro.
Entón fágome unha pregunta, que leis estatais modificáronse desde 2008 para entrar nesta situación?. O 15 de novembro dese ano Feijóo criticaba a Touriño afirmando que “Galicia ten os instrumentos para frear a crise que non están a ser empregados con eficacia”. Ou ben, xa elixido presidente, cando prometeu a creación de 43.500 empregos.
Pero non só iso senón que, nos meses anteriores ás eleccións autonómicas do 2009, o goberno bipartito era o responsable de todos os males que afectaban a Galicia. Agora, nestes momentos, o responsable é o Presidente do Goberno de España que, ante a situación de crise na que se haxa inmerso o mundo globalizado, centra todos os seus esforzos en acabar con Galicia cada venres na reunión do Consello de Ministros. Estarei a vivir na Galia e os romanos de Madrid quererán conquistarnos?.
Levo unha tempada facendo unha serie de preguntas. Que pasou con aquela situación tan grave para Galicia que era o Audi de Touriño?. Que pasou con aquela disposición de Feijóo para renovar o comportamento dos políticos do seu partido (tránsfugas, urbanismo irregular, oposicións, etc). Que pasou co concurso eólico (cuestionado por empresas que se presentaron á adxudicación e pola patronal eólica galega?.
A resposta está na propia frase do Presidente “non se empregan os instrumentos con eficacia”. É certo que a crise que estamos a pasar desbordou a todo o mundo (mesmo segundo as últimas novas ao propio FMI) pero o que necesitamos os cidadáns son gobernos fortes, que teñan iniciativas e que non se refuxien no victimismo.
Xa o dicía o Dr. Laurence J. Peter, o ser humano tende a escalar en busca dos seus máis altos niveis de incompetencia e ineptitude. O problema agrávase cando esta escala remata nun nivel que afecta a toda a sociedade.
E neste punto os cidadáns temos un papel moi importante. A sociedade debe ser máis crítica e de maior exixencia cos nosos políticos. Pero non soamente debemos ser críticos co opoñente senón que tamén o debemos ser cos que sentimos máis próximos. Neste punto, hai unha gran diferenza entre o pensamento progresista e o conservador. Nestes momentos a esquerda está a darlle as costas a Rodríguez Zapatero por apartarse das políticas que lle levaron a gañar as eleccións. Pero non ocorre igual ao lado conservador no que o seguidismo se fixo forte e isto non beneficia aos intereses do país.
Volvendo á frase de Feijóo, o goberno bipartito perdeu as eleccións pola súa falta de eficacia e non cumprir as expectativas que gran parte do país puxera nel. Pero boto de menos esa mesma crítica aos actuais gobernantes. Este país non debe caer no victimismo. Ten moita enerxía e músculo. Demostrouno a través dos tempos e debemos apostar pola innovación en lugar da subvención. Esquecernos das conxuras de que todo o mundo está contra nós e actuar como o fan outras Comunidades Autónomas para conseguir o que merecemos. Sr. Presidente vaia a Madrid, a Bruxelas, onde faga falta cun proxecto claro e ben definido do que Galicia se merece e non se encerre en se mesmo.
Que grandes son os nosos líderes políticos cando están na oposición, incluíndo as excepcións que confirman a regra.

venres, 4 de febreiro de 2011

Cara a onde vai o Celtiña

Este ano os afeccionados ao Celta estamos de parabén. Pasaron uns anos de sufrimento pero parece que o equipo empeza a cumprir obxectivos.

 Con Eusebio deuse un paso importante como foi o coidado da canteira. El empezou a subir ao primeiro equipo a futbolistas do filial. Se embargo, os resultados non acompañaron o traballo realizado.

 Esta tempada con Paco Herrera no banco o equipo deu un salto cualitativo. Mantendo aos novos futbolistas no primeiro equipo e apontoándoo con futbolistas experimentados como Quique de Lucas, David Rodríguez (de novo de volta a Balaídos) e mesmo as achegas de Joan Tomás conseguiu un grupo que realiza un fútbol brillante.

Non se pode esquecer o traballo infatigable e sen prezo de Bustos que está a realizar unha tempada espléndida, así como a regularidade que mostran López Garay e Catalá. Pero quizais o gran acerto que hai que achacarlle a Paco Herrera (ademais de manter aos dous mellores laterais da división) foi a incorporación ao centro da defensa de J. Vila. Quen ía pensar neste xogador como parella de Catalá?.

Outro aspecto moi interesante deste Celta é o traballo de grupo. Vese un equipo unido que traballa durante todo o partido independentemente do resultado e que, como o día do Barcelona B, sabe que ten que ir a por todas para alcanzar algunha das dúas prazas que dan o ascenso directo.

A loita co Betis e o Raio vai ser moi dura, pero o Celta superaraos. Co traballo de grupo e arroupando a ese "pequeno xenio" que é Roberto Trashorras cuxos pases, en numerosas ocasións, non teñen nada que envexar aos de Xavi ou Iniesta, conseguirase ese ascenso.

Por suposto que non se pode un esquecer do resto da plantilla (Dani Abalo, Michu, Ortega, Iago Aspas, Papadopoulos, Túñez que fixo unha tempada pasada espléndida, os dous Víctor, Yoel,...). Algún deles foron decisivos en varios partidos, o que indica que non é un equipo de 11 senón unha plantilla moi homoxénea.

Gustoume moito a confianza que depositou en tódolos futbolistas Paco Herrera ao non realizar ningunha fichaxe este inverno. A experiencia demostra que salvo moi raras excepcións (Mido) estas fichaxes non dan bos resultados.

Este é o ano do ascenso. E como se escoita en Balaídos, a través de megafonía, HAAAAAAAAAAALAAAA CELTAAAAAAAAAAAAAAAAA

Vémonos en primeira na tempada 2011/2012