Desde que o ministro Gallardón propuxo ao goberno un novo anteproxecto de lei sobre o aborto e foi aprobado en Consello de Ministros, converteuse nun polémico proxecto nos diferentes ámbitos da sociedade.
A primeira reflexión a realizar é a toma en consideración do Estado dos dereitos individuais dos seus cidadáns. Ás veces escoito que o aborto non debe utilizarse con imposicións baseadas en principios persoais ou individuais. Nestes últimos tempos, segundo conveña, estase a falar da Carta Magna como texto inviolable. Pois esa Carta Magna no seu artigo 10 fai fincapé na dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes e o libre desenvolvemento da personalidade como fundamentos da orde política e da paz social. Como debe ser. O Estado ten a obriga de garantir os dereitos individuais dos seus cidadáns como persoas. Pois é o que somos, persoas.
Hai na sociedade unha verdadeira inquietude en modificar a actual lei ou pola contra, dita lei forma parte natural da convivencia na nosa sociedade?. Parece claro que a sociedade, nunha ampla maioría, non se manifesta por un cambio de lei. Si, maniféstase noutros ámbitos como a educación ou a sanidade. E é curioso comprobar como se defende que hai unha maioría silenciosa que apoia os cambios que se están realizando nestes ámbitos e non se utiliza o mesmo argumento para comprobar que unha maioría silenciosa non está preocupada coa actual lei e polo tanto, non é necesario xerar unha división social. Hai datos que confirman que dende que se aprobou esta lei diminuíu o número de abortos e por outra banda, dentro da comunidade médica non hai ningún informe científico que considere que necesita ser modificada. Non desviemos a atención cidadá do que realmente importa nestes momentos.
O primeiro dato curioso do novo anteproxecto xa é o título. Anteproxecto para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada. Búscase conxugar o dereito á maternidade da muller e o dereito do “non nado”. Que é un “non nado”?. Hai unha carga ideolóxica considerable nesta referencia, porque desde o punto de vista científico, como se define este termo?. E, como se conxugan ambos dereitos?. O da muller embarazada téñoo claro, ela mesma. Pero e o do “non nado”?. Quen decide que quere nacer, por exemplo, cunha malformación?. Un médico, un xuíz,…?. Sexamos serios.
Non coñezo ningunha muller que non defenda a vida. Por suposto. Pero é a muller embarazada quen debe decidir. E esa decisión non a vai tomar a treo, claro que non. Si decide abortar será porque a situación así o demanda. A lei do aborto non obriga a ningunha muller. A que queira ser nai pódeo ser. Non pechemos o dereito á que, polas circunstancias nas que se atopa, considera que non é o momento.
Pero imaxinemos que quen defende o anteproxecto teña razón. Non sería preciso, primeiro, que o Estado definise todas as coberturas necesarias para poder axudar á nai a coidar e protexer ao “nado”?. Pois xustamente está ocorrendo o contrario. Acabouse coa lei de dependencia e non se aseguran os dereitos laborais e de conciliación das mulleres. E todo baixo o paraugas dunha crise que a maioría da sociedade non xeramos.
Sei que quedan máis aspectos no tinteiro. Pero este espazo pretende ser aberto e de mellora por parte dos lectores. Por favor, non retrocedamos no tempo. Para unha vez que somos pioneiros e varios países do chamado “primeiro mundo” fíxanse no noso modelo, os nosos gobernantes dan un xiro de 180 graos e volvémonos a poñer por detrás de devanditos países. Pois, mira, a min gústame mirar de esguello ao resto dos países sempre pero, en particular, cando se fala de dereitos sociais.